Top

Avaliación do Arboredo – Máis información

Descargar información en PDFVolver

Inspección previa ó ascenso

Como podadores podennos contratar para accións tan variadas como eliminar unha póla que está batindo contra un tellado ou eliminar totalmente unha árbore. Sexa cal sexa a tarefa encomendada debemos ter en conta unha serie de precaucións antes de iniciar as  nosas podas ou talas.

Aparte da revisión das ferramentas e o equipo de trepa, débese comezar cunha inspección visual da árbore e da zona onde está ubicada.

A inspección da árbore é importante, non só pola nosa seguridade e a das persoas e obxectos sensíbles de ser danados (dianas ou brancos), senón tamén para aqueles que se adiquen á diagnose de arboredo, pois de pouco sirve a un profesional contar con equipos moi avanzados como os tomógrafos, se non realiza previamente unha boa análise visual.

Saberemos  interpretar o que nos din as árbores tendo en conta os signos que presentan ó exterior, e conocer o historial da árbore (podas, obras realizadas ó seu carón , etc.) fará moito máis doada dita interpretación.

Así, no exterior  pode aparecer a chamada madeira de reacción, que son como uns contrafortes que aparecen na base do tronco para compensar a acción de forzas exteriores que afectan á árbore. Nas coníferas esta madeira de reacción traballa a compresión e nas frondosas a tracción ou tensión, funcionando a modo de tirante e resistindo máis que no caso das coníferas.

Observaremos que os troncos codominantes son máis débiles e con maior risco de roturas, principalmente se o ángulo é moi agudo e moito máis se teñen codia incluída.

0102

 Comprobaremos se a unión das pólas co tronco é resistente, observando se na zona de unión se aprecia unha especie de colar. Este colar débese respetar á hora da poda pois se o cortásemos, a árbore non podería pechar a ferida totalmente propiciando a entrada de fungos.

i3

A proba dun corte mal feito está na rosca que vai formando a árbore ó realizar a compartimentalización, pois se non se pecha totalmente a rosca ó redor da ferida é que se cortou parte do colar da base da póla, onde se une co tronco.

06

É importante saber interpretar en qué medida afectan os fungos ás árbores pois a súa acción é o defecto común máis danino do arboredo urbano.

Os fungos provocan a podremia da madeira que será de distinto tipo según a especie de fungo que estea actuando.

Distinguimos principalmente tres tipos de podremia:

A podremia marrón ataca á celulosa e á hemicelulosa, o que fai que se perda resistencia á flexión e sendo os seus danos moi difíciles de detectar ata que están avanzados. Este tipo de podremia afectalle especialmente ás coníferas.

No caso das frondosas aféctalles máis a podremia branca que ataca á celulosa e á lignina por igual,  ou máis á lignina, isto provoca unha perda de resistencia a tracción e unha perda de rixidez.

A podremia branda afecta de forma similar á podremia marrón aínda que actúe de forma distinta.

Cando aparecen corpos fructíferos, raíces podres e oquedades, é que a podremia está avanzada, pero a existencia de oquedades non quere dicir necesariamente que esa árbore vaia a caer e a haxa que talar, pois as árbores defendense da acción dos fungos creando unha serie de barreiras que aillan ó fungo (compartimentalización, CODIT), podendo vivir perfectamente durante moitos anos.

0708

En xeral teremos en conta como indicadores de risco a aparición de roturas e abultamentos no chan , problemas no sistema radicular como rotura de raíces perto da base do tronco, raíces esganadas;

i4

abultamentos no tronco, fendas (as fendas horizontais son signo de fallo inminente), fendas na zona de tensión do tronco e abultamentos na zona de compresión;  madeira podre, corpos fructíferos e oquedades, chancros; árbores ou pólas mortos ou senescentes (coidado coas pólas mortas que colgan pois poden caer e matar unha persoa), unións débiles das pólas co tronco, codia incluída na unión entre dous troncos codominantes ou o tronco e unha póla, etc.

Cando mediante unha análise visual nos quedan dúbidas do estado da árbore pódese recurrir a ferramentas de diagnose máis ou menos complexas e máis ou menos invasivas para a árbore.

O equipo básico comeza co uso de variñas e martelo de caucho ou tamén de cabeza de nylon, de uso bastante extendido. Co martelo o que se fai é golpear a árbore, escoitando o son producido ó percutir no tronco e distinguindo así se pode haber algunha oquedade, en definitiva, se soa a oco.

Outras ferramentas, estas de tipo invasivo, son a Barrena de Pressler e o fractómetro, ou menos invasivas como o resistógrafo e Sibert.

O emprego de ferramentas invasivas pode provocar que no caso de que a árbore estea en bo estado, se rompa a barreira de compartimentalización coa que se ailla dos fungos, propiciando a entrada destes, sendo peor o remedio que a enfermidade.

Moi empregadas hoxe en día polas empresas especializadas son ferramentas semi invasivas como o arbosonic, os tomógrafos sónicos como o popular Picus e o tomógrafo por impedancia eléctrica. Para unha boa diagnose estánse a combinar estes dous últimos pois o resistógrafo por impedancia eléctrica permite conocer a existencia de auga no interior das oquedades o que suporía que pola falla de osíxeno, ó estar cheo de auga, non poden proliferar os fungos.

i5

Métodos non invasivos serían a arboricultura tradicional, os xa nomeados martelo e variñas, imaxes térmicas, GPR, SLT, e SIA.

Existen varias escolas e métodos de avaliación de riscos como SIA, SIM ,VTA, QTRA, método de MATHENY e Clark ,etc. tendo en conta estudos biomecánicos, fitopatolóxicos e fisiopatolóxicos.

Aparte do estado sanitario da árbore, teremos en conta a presenza de enxames e insectos picadores varios , animais como esquíos e incluso ratas, casetas para paxaros, prantas velenosas ou a presencia de liñas de alta tensión o que impediría o uso de motoserras por perigo de electrocución.

14 15

No tocante ó espazo onde desenvolveremos a nosa actividade de poda, analizaremos as dianas ou brancos, con especial atención ós lugares de paso de persoas e vehículos. Tamén teremos en conta o mobiliario urbano, vexetación que forma parte da paisaxe, tellados dos edificios, antenas, conduccións eléctricas como as da iluminación urbana, sumidoiros, o estado do pavimento (enlamado, forte pendente), sobre todo se usamos cestas ou escadas para acceder á árbore, perigando a súa estabilidade e polo tanto a integridade física dos operarios e demáis dianas.

16 17

Sempre se sinalizarán e cercarán as zonas de traballo, especialmente aquelas que conleven un maior perigo.

18

Tendo en conta todas estas observacións e moitas máis que debemos ir incorporando ó noso traballo con experiencia e estudo, melloraremos a saúde laboral dos nosos traballadores, a saúde das nosas árbores, e a de todos aqueles que disfrutan dos seus beneficios físicos e psíquicos.