Top

Avanzados

Desrame manual

Con desrame manual referímonos ó corte de pólas sen empregar medios mecánicos como a motoserra. Se ben o emprego desta ferramenta fai que o traballo sexa moito máis rápido e doado, pode ser que por distintas circunstancias como que non contemos cunha motoserra, que as pólas sexan dun tamaño que non mereza a pena o seu uso , ou a proximidade a liñas de alta tensión, desbotemos esta ferramenta. De tódolos xeitos case sempre hai que botar man do serrucho tradicional para eliminar fordescas ou pequenas pólas molestas, e para rematar cortes con maior precisión, como cando a torada ou troza que queremos abatir ten a bisagra de madeira demasiado grosa como para que caia empuxándoa coa man pero non tanto como para precisar un corte de motoserra que pode ser moi drástico, podendo cotar demasiado e caer a torada sen que nós controlasemos a súa caída.

No caso do vídeo que sirve de exemplo, accedeuse ás primeiras pólas da árbore cunha escada, e procedeuse a retirar as pólas co serrucho deixando uns tocóns a modo de chanzos onde apoiar os pés no noso avance cara a copa.

Para asegurarnos, empregamos unha eslinga combinada cunha corda de trepa que nos permite baixar rápidamente en caso necesario, pero ben poderíamos subir cunha eslinga dobre ou con esporas e eslinga como o arborista que vemos no lado esquerdo.

Unha vez chegamos perto da copa , procedemos ó descopado facendo un corte en cuña que profundice ata un tercio do diámetro do tronco a cortar, e pola parte oposta, aproximadamente a dous dedos por riba, un corte recto ata que só queden uns dous centímetros de madeira (isto depende do grosor da árbore, a súa especie, etc.) que nos fai de bisagra.

Nesta situación a troza non cae ata que a empuxamos, podendo decidir así o momento da súa caída. En ocasións como a do vídeo, temos que ascender un pouco para exercer a forza dende un punto superior que faga maior panca facilitándonos o empuxe da troza, pois se empuxamos pola parte inferior, ó facer menor panca, cóstanos moito máis tirar a torada.

Para maior control na caída da copa, de modo que non cause desperfectos no espacio circundante, atamos a copa a unha corda de apeo que pasa por unha polea enganchada a unha forcadura situada no tronco. A corda de apeo está asegurada a un freo na base do tronco dende onde os operarios de terra baixan pouco a pouco as trozas taladas.


Apeo de trozas con freo e cuña

Colocóuse un cintallo no tronco baixo a troza que se quere cortar. Este cintallo leva unha polea pola que se desliza a corda de apeo, que vai unida na súa parte inferior a un freo de tubo ancorado á base do tronco cunha forcadura.

Comézase a cortar o fuste realizando un corte horizontal que profundiza ata un tercio do diámetro do tronco. A continuación procédese a facer un corte na parte superior do primeiro cunha inclinación aproximada duns 45º, converxendo a parte inferior do corte coa máis fonda do primeiro.

O extremo libre da corda de apeo átase á troza que imos talar, empregando un nó de aferrar e outro de leñador. Unha vez atado, facemos outro corte pola parte do tronco oposta á entalladura que se cortóu inicialmente, situándoa aproximadamente a uns dous dedos por riba do corte inferior.

Profundizarase ata que quede unha sección de madeira que faga o efecto dunha bisagra sobre a que se abatirá a troza, pero de forma que non caia ata que a empuxemos nós, podendo controlar así o momento da súa caída.

A veces, para non excedernos en profundidade coa motoserra, podemos facer un último corte co serrucho.

Unha vez empuxamos a troza, esta cae suxeita pola corda de apeo impedindo que se precipite ó chan, onde machacaría o pavimento, e procédese ó descenso controlado polo freo de tubo. 


Apeo de trozas con cuña dobre

O procedemento empregado é o mesmo que o do apeo de trozas con freo e cuña, a única diferencia é que os dous cortes da entalladura se fan nun ángulo de 45º.

O corte inferior da entalladura en ángulo fai máis doada a caída da torada, de madeira moi dura, e para facilitar aínda máis o seu derribo, atóuse cun nó leñador, outra corda na parte máis alta da troza, para dende terra tirar do tronco axudando ó empuxe do podador.

Os nós empregados neste caso para atar a troza son un nó de aferrar e un as de guía corredizo.

 

 

 


Apeo de trozas sen cuña

Unha das formas máis comúns de talar un fuste é facendo un corte horizontal ata un tercio do diámetro do tronco, e outro corte, tamén horizontal, polo lado oposto do tronco e un pouco mais por riba do anterior.

En vez de cortar totalmente o tronco deixamos un pouco de madeira que faga o efecto dunha bisagra, e no momento escollido empuxamos a troza ata que se separa do fuste. Se o peso non nolo impide, podemos coller a troza coa man e guindala ó chan máis ou menos lonxe, según conveña.

No caso de que a torada fose moi pesada empuxariamola ata que caese. Isto sempre que non cause ningún dano en terra, senón habería que baixar a torada con cordas de forma controlada. 

 


Apeo de troza con roldana e freo

Colocamos unha forcadura nunha póla superior, pechada cun mosquetón no que colocamos unha polea.

Cun nó fácil de desfacer, átannos unha corda de apeo á nosa corda de trepa de modo que a podamos izar ata nós, e a pasamos pola polea. Esta corda de apeo pásase por un freo de tubo ancorado na base do tronco.

Facemos un corte na parte inferior da troza a cortar e atámoslle un cintallo, que engancharemos cun mosquetón colocado no extremo da corda de apeo.

Facemos o corte superior, e a troza queda pendurando da corda de apeo, que baixa pouco a pouco ó soltar corda dende terra.

 

 


Apeo de troza en horizontal

Temos amarrado un cintallo nunha póla superior, na que colocamos unha polea pola que pasa a corda de apeo, que está freada na base da árbore cun freo de tubo.

Na póla a cortar, facemos cunha corda de apeo máis corta, un nó as de guía corredizo e un ballestrinque asegurado con dous medios cotes, deixando folgura na corda.

Entre os dous nós, atamos un cordello cun prussik, que deslizaremos ata colocalo no punto onde, repartindo o peso da pola a ollo, esta se poda manter en posición horizontal unha vez sexa cortada, e conectamos o cordello coa corda de trepa que pasa pola polea cun mosquetón.

Cortamos a pola empezando cun corte por abaixo, dous cortes laterais,  para que non fenda, ó tratarse dunha conífera, e un corte por riba, máis adiante do corte inferior para provocar que a póla caia en horizontal.

Unha vez cortada a troza, controlamos o seu descenso co freo de tubo ó que está atada a corda de apeo.

 


Apeo de troza con autoatado

En ocasións queremos que a troza talada nos quede a man para poder lanzala lonxe da base da árbore. Para iso realizamos un auto-atado que consiste en asegurar a parte cortada á parte que queda unida ó tronco, é dicir, ó seu propio tocón.

En primeiro lugar temos que facer o corte inferior, e no caso das coníferas uns cortes laterais un pouco máis atrás. Atamos a troza a cortar cun nó de aferrar e un as de guía corredizo, e tamén atamos a corda á zona próxima ó tronco onde quedará o tocón. Viramos a corda de forma que quede na parte inferior da pola, pois senón a cortariamos ó facer o corte superior na póla.

Así que cortemos a póla, a desatamos e a podemos lanzar lonxe do perímetro da árbore.

Tamén podemos desatar só a parte do tocón, e agarrando a corda, bascular a póla cun movemento pendular, soltándoa para lanzala lonxe.

Dende logo este sistema non serviría se a peza que cortamos é demasiado pesada como para poder con ela.

 


Apeo con oito

A mesma operación que realizamos cun freo de tubo dende a base da árbore para baixar as trozas, ímolo facer dende a copa, pero nesta ocasión utilizando un oito a modo de freo. Deste modo, o podador pode controlar o descenso da póla sen axuda do persoal de terra.

Cunha corda dobrada á metade, o que nos dá unha corda dobre, facemos un oito dobre que fai a función do ollo que teñen as forcaduras de ancoraxe dos freos de tubo. Atamos a corda cunha volta de braza ou leñador, e no ollo da corda colocamos un mosquetón co que engancharemos o oito de descenso con orellas.

Tendo unha corda de apeo pasada por unha polea nunha forcadura envolta nunha pola superior, atamos dita corda á pola que queremos cortar cun ballestrinque e un as de guía corredizo.

Como se explicou anteriormente, a corda de apeo non se frea na base da árbore, senón que a pasamos polo oito que usamos como freo.

Cortamos a pola facendo o corte superior máis atrás do corte inferior para provocar que na caída a póla se abata caendo de punta.

Desfreamos o oito, e delizamos a corda a través del, controlando o descenso da póla ata o chan.


Tirolina

Cando nas proximidades da árbore atopamos dianas, é dicir aquelo susceptíble de recibir un dano causado pola acción da tala, e temos que librar eses obstáculos, podemos facer uso dunha tirolina coa que pousamos a torada nun lugar afastado da árbore.

A montaxe da tirolina comeza coa colocación dun salvarramas groso cun mosquetón no tronco, por debaixo da parte a cortar. No mosquetón que pecha o salvarramas atamos a corda que formará a tirolina.

No chan, un operario atará un cintallo ó tronco doutra árbore que estea situada correctamente para librar as dianas, sendo ó pe desta árbore onde se descargarán as pezas cortadas. Este cintallo leva un mosquetón polo que pasaremos a corda da tirolina.

Na parte da corda na que non está o extremo facemos un oito dobre, onde colocamos un mosquetón cunha micropolea pola que pasará a outra doblez da corda en dirección á árbore a talar, cambiando de sentido unha vez pasada pola micropolea, o que nos permite tensar a corda.

Para manter e aumentar a tensión da corda, facemos un nó de fricción, como neste caso un prussik, cun mosquetón que enganchamos no cintallo atado non tronco da árbore.

Así, tirando do extremo da corda, tensámola coa axuda do nó de fricción que non a deixa afrouxar.

Unha vez tensa a corda da tirolina, faise un oito dobre na corda sobrante onde se coloca un mosquetón que irá enganchado no cintallo para unha maior seguridade no caso de que o nó fallase.

Voltando á árbore a talar, o operario instala no tronco un cintallo cunha micropolea pola que pasar unha corda de recuperación, coa que tira da roldana da tirolina unha vez se baixou unha troza, podendo repetir a operación. Na corda da tirolina colócase dita roldana cun mosquetón á que se ata a torada a talar despois dun primeiro corte no tronco. Así que se fai o corte definitivo, cortando dende o lado oposto do tronco, empúxase a torada, que cae deslizándose pola corda dende o alto da árbore ata a base en terra da tirolina. Recoméndase facer un nó fácil de desfacer na corda de recuperación para que ésta non escape. 


Tirolina 2

Con esta tirolina non buscamos que a torada se deslice ata o seu extremo chegando ó chan, senón ata un punto intermedio da lonxitude da tirolina, dende onde se fai descender.

Comezamos colocando unha forcadura nunha pola a unha altura superior á póla que se vai a cortar, pechándoa cun mosquetón. Nese mosquetón enganchamos un extremo da corda da tirolina, no que temos feito un nó que pode ser do tipo as de guía.

A corda de apeo coa que facemos a tirolina, fíxose pasar antes por unha póla noutra árbore alonxada, e freóuse cun freo de tubo na base desta árbore.

Co extremo dunha corda de apeo máis curta, atamos a póla que imos cortar, neste caso cun as de guía corredizo, e no outro extremo temos un mosquetón que se engancha na corda da tirolina.

Tras cortar a póla, ésta desplázase ó deslizarse o mosquetón pola tirolina, quedando nunha zona intermedia da súa lonxitude.

Soltando corda no freo que está instalado na outra árbore, a tirolina afróuxase, descendendo a póla ata o chan.

Tamén podemos dar á corda coa que atamos a póla, a lonxitude suficiente para que chegue ata o punto onde queremos que descenda a póla, atándo o extremo da corda cun prussik que deslizaremos ata ese punto exacto.

Debemos ter en conta a lonxitude tanto da corda como da póla, pois se nos pasamos de longo, a póla caerá ó chan en vez de quedar pendurada da tirolina. 


Corte en coníferas

Para a poda de coníferas, aplicaremos os principios xerais para calquera outra clase de árbore.

Comezamos cun corte na parte inferior da pola, e se queremos que esta caia “a plomo” mantendo a súa posición horizontal, faremos o corte por diante do corte inferior, é dicir cara a punta da pola. Se o que desexamos é que a pola se abata caendo de punta, faremos o corte superior máis atrás do inferior, é dicir, entre o tronco e o corte inferior, a uns dous dedos deste aproximadamente.

No caso das coníferas, pola súa estructura interna, debemos facer uns cortes laterais máis atrás do corte inferior, para evitar que fenda a madeira, o que incluso podería supor un perigo para o podador, sobre todo cando está apoiado na mesma pola do corte.

Os cortes superiores fanse igual por diante ou por detrás según queiramos que caia a póla. No caso de facelo por detrás, será máis atrás dos cortes laterais.

 


Redireccionamento da corda

Cando nos desprazamos pola árbore, moitas veces temos que cambiar a orientación da corda de trepa para que nos permita acceder a outras zonas da copa.

Nestes casos aproveitamos unha galla ben orientada cara a zona onde imos traballar e pasamos a corda por ela. Para iso, nos colocamos perto da galla e nos eslingamos. Unha vez asegurados, soltamos a corda de trepa do noso arnés e a pasamos pola galla. Así que temos pasada a corda pola galla, volvémola a enganchar no arnés, soltando  a eslinga.

Agora podémonos desprazar cómodamente pola área escollida para realizar as nosas labouras de poda.

 

 

 


Estribo con cintallo como apoio

En ocasións, cando non chegamos cómodamente a unha póla que queremos cortar, para procurarnos un apoio adicional, podemos facer un estribo cun cintallo, atándoo cun prussik a unha póla.

Así que teñamos instalado o cintallo a modo de estribo, colocaremos o pé na gaza que colga, apoiándonos nel para así poder alcanzar o noso obxetivo.

 

 

 

 

 


Elaboración dunha eslinga artesanal

No mercado podemos atopar eslingas feitas, pero a excepción das eslingas armadas con ánima de aceiro para os cortes con motoserra, o normal é facela un mesmo.

Basta cunha corda de lonxitude ó gusto, por exemplo 5m. dous mosquetóns e un cordello. É recomendable o emprego dunha micropolea para deslizar cómodamente o nó de fricción.

Nun extremo da corda facemos un nó de tope, e no outro atamos un mosquetón, facendo na corda un nó de fricción cun cordello, (un dos máis empregados o valdotain treese con polea) enganchándoo a un mosquetón que se coloca nun dos aneis laterais do arnés.

Para que a corda non nos estorbe mentras non a estamos usando, acortámola cun nó de cadea, daisy chain.

Así, na eslinga temos o mosquetón que amarra o nó de fricción fixo nun anel lateral do arnés, e outro no extremo libre da corda que pasamos arredor dun tronco ou pola e despois enganchamos no outro anel latreal do arnés. 

 


Elaboración e usos dunha eslinga dobre

Neste caso, colocamos mosquetóns nos dous extremos da corda, e cun cordello facemos un prussik que por medio doutro mosquetón irá fixo nun anel lateral do arnés. Os extremos da corda quedan libres para amarrarse, alternando un co outro.

Unha das operacións onde a eslinga dobre é moi útil, é no ascenso por unha árbore apoiándonos nas polas como se fosen os banzos dunha escada.

Estando eslingados nunha póla, usamos o outro extremo da corda para facelo mesmo noutra póla superior. Unha vez que estamos eslingados nesta, podemos soltar a primeira para ascender e despois amarrala a outra que estea aínda máis arriba, repetindo a operación ata chegar ó noso destino.

Se nos desprazamos horizontalmente e nos queremos asegurar a unha póla coa eslinga, esta nos sirve para sortear as gallas nas que se bifurca, alternando os extremos da corda para suxeitarnos ás distintas bifurcacións que presenta a póla.

En resume, sempre nos mantemos eslingados cunha eslinga e non soltamos a primeira ata que temos enganchada a segunda nun lugar máis alonxado cara o que nos imos a desprazar, repetindo a operación as veces que o precisemos.


Floating crotch system

Este método combina dúas cordas de trepa, unha para o ascenso e outra para desprazarse por cada piso da árbore, de modo que según ascendemos coa primeira corda, podemos parar a realizar algún traballo empregando a segunda corda, e unha vez finalizamos nese piso, volvemos a usar a primeira corda para seguir ascendendo.

Na corda de ascenso podemos colocar un puño dobre, como neste caso, ou un nó de fricción como o prussik ou o klemheist.

Ó puño dobre enganchámoslle unha micropolea pola que pasa a corda de traballo, e nesta colocamos un nó de fricción cunha polea de tres buratos como xa se explicou nun vídeo anterior.

Ascendemos co puño dobre, empregando a presa de pé, e cando chegamos a unha pola na que queremos traballar, facemos un oito dobre na corda de ascenso e colocámoslle un mosquetón como medida de seguridade en caso de que se soltase o puño dobre.

Unha vez está asegurado o puño, movémonos pola póla empregando a corda de traballo.

Así que rematamos as nosas labouras nesta altura da árbore, desfacemos o oito dobre e continuamos o ascenso ata outra zona máis alta onde repetimos a operación de asegurarse co oito dobre e traballar coa outra corda. Isto repetirémolo ata rematar coa poda de toda a árbore.

Para o descenso, primeiro eslingarémonos e despois retiramos o puño dobre xunto coa corda de traballo, colocamos un oito, soltamos a eslinga e baixamos.


S.R.T. (single rope technique)

Este é un sistema exclusivamente de ascenso, coa particularidade se ser moi rápido e cómodo.

Comezamos colocando un pantín no pé dereito, que nos axudará a impulsarnos coa perna dereita ó bloquearse baixo presión, impedindo que o pé esvare pola corda cara abaixo.

Na corda de trepa, que temos ancorada no alto utilizando un nó de bolboreta, colocamos un puño de ascenso, ó que enganchamos cun mosquetón un cordello no que fixemos unhas gazas corredizas con prussiks, para regular a lonxitude deste cordello, que nos servirá como estribo para o pé esquerdo.

Máis abaixo do puño bloqueador, colocamos un croll, bloqueador ventral, que unirá a corda de trepa co arnés por medio dun mosquetón. Á súa vez, neste mosquetón amarramos un cordello que nos unirá cun blake ó estribo do pé esquerdo.

Para axudarnos a manter o corpo perto da corda de trepa, utilizamos neste caso un cordón elástico que pasamos polo pescozo e enganchamos no croll.

Para comezar o ascenso, conectamos o pantín na corda de trepa, á que fixemos unha madexa que lle dá un certo peso, de forma que non nos esvare o pantín nos primeiros momentos.

Facendo forza no pé dereito, erguemos o pé esquerdo mentras empuxamos o puño cara arriba, e despois, apoiándonos no pé esquerdo, levantamos o pé dereito, repetindo a operación sucesivamente ata chegar arriba. Deste modo ascendemos pola corda como se subísemos por uns esqueiros.

É importante non esquecer empuxar o puño cando se ergue o pé esquerdo, pois senón non avanzamos nada.

Unha vez arriba utilizaremos un oito ou calquera outro dispositivo que nos permita o descenso.


S.R.T. 2

Esta é unha variación do sistema anterior onde se introduce algún cambio que pode facer o ascenso aínda máis doado.

Neste caso, colocamos un puño bloqueador na corda de trepa, conectado ó arnés cun cordello.

Máis abaixo colocamos un croll, no que enganchamos cun mosquetón, un estribo de cinta para o pé esquerdo e un cordello que tamén nos conecta co arnés.

Na parte traseira do arnés, atamos un cordón elástico “pulpo” que irá enganchado no croll.

Para manter o corpo perto da corda de trepa, fixemos un arnés de peito cunha cinta que unimos directamente á corda cun pequeno mosquetón.

O ascenso comeza, como no caso anterior, enganchando o pantín que levamos no pé dereito, na corda de trepa, e apoiándonos nel erguemos o corpo. Cando erguemos o corpo, o cordón elástico fai que o croll e o estribo do pé esquerdo suban sós, sen preocuparnos de ter unha boa sincronización co puño bloqueador. Dende logo, non podemos esquecer que sen deslizar o puño cara arriba non podemos seguir avanzando.


Rescate

O método básico para rescatar a un traballador que está colgado nunha árbore, é achegarse onda el, e enganchándonos ó seu corpo coas pernas, pasarlle a nosa eslinga ó redor do seu corpo.

Así que o temos ben suxeito a nós, collemos o nó de fricción da súa corda de trepa cunha man e coa outra man o noso, deslizándo alternativamente estes nós de modo que descendamos os dous á vez.

Durante o descenso, debemos ter coidado de que o accidentado non reciba golpes contra o tronco ou pólas.