Top

Equipo de protección individual e trepa

Roupa anticorte

Para o uso de motoserras empregaránse prendas anticorte como pantalóns, manguiños e luvas, principalmente para a man esquerda, que teñen incorporadas no seu tecido unhas febras longas que ó contacto coa cadea se enrolan freándoa. Isto non evita sufrir algunhas  feridas superficiais, pero o que impide é que estas sexan fondas chegando ás temidas amputacións.

02

Os pantalóns están preparados para resistir velocidades da cadea de 20, 24, e ata 28m./s.

É preferible escoller un pantalón de 24m./s. que un de 20m./s. porque as motoserras actuais son máis potentes.

Existen tres clases de pantalón segundo as partes da prenda que contan con protección anticorte. Así temos :

Clase A, con protección na parte dianteira.

Clase B, con protección dianteira e 5 cm. cara a parte traseira.

Clase C, con protección total.

As luvas deben permitir a manipulación de pezas e elementos da motoserra sen necesidade de quitalas e polo menos unha das luvas contará con tecido anticorte no dorso (a luva esquerda para destros).

Os manguiños protexen dos cortes 360º arredor dos antebrazos ata o cóbado.

Cascos, auriculares e gafas

Os cascos para trepa deben estar equipados con barboqueixo que se debe axustar moi ben, para evitar a caída e o movemento do casco, para iso contan tamén con distintos dispositivos de adaptación ó contorno da cabeza, normalmente a base de cintas que poden ser reguladas cunha rodiña.

Os cascos modernos contan con buratos de ventilación e pódeselles adaptar unha pantalla de protección facial ou unha viseira, e auriculares ou cascos para protección auditiva nos momentos en que se faga uso da motoserra.

Cando o casco non conte con pantalla ou viseira deberánse usar gafas de seguridade das que se poden atopar modelos anti-vafo.

Algúns dos cascos actuais contan con aillamento eléctrico, pódense utilizar a baixas temperaturas e están preparados para soportar proxeccións de metal en fusión.

Os cascos deben gardarse lonxe da luz solar e de produtos químicos, debéndose desbotar cando sufran algún golpe importante ainda que non se aprecie neles ningún desperfecto.

03 04 05

Arnés

En arboricultura non se adoita usar arneses integrais e constan de cinto e perneiras polo que hai quen lles chama selas de trepa. Ós lados da cintura sitúanse unhas anelas metálicas para enganchar a eslinga e é moi común que vaian equipados con varios puntos de suspensión de ferramentas de onde colgar o serrucho, a motoserra, e outros accesorios como mosquetóns, oito, etc. En lugar dunha anela de fixación ventral, é máis común o deseño do arnés cunha ponte , que mellora a movilidade, aínda que tamén existen modelos do primeiro tipo.

0607

Cordas

En trepa empréganse cordas semidinámicas ou semiestáticas, que teñen unha certa elasticidade co obxecto de  amortecer  en caso de caída, pero tampouco son elásticas en exceso, evitando rebotes. Para tirolinas e en ocasións para apeo pódense empregar cordas estáticas.

As cordas clásicas estaban feitas de materiais naturais como cánamo, manila, algodón ou sisal, pero hoxe en día están en desuso para a arboricultura e atopamos cordas sintéticas feitas de materiais como o poliester, a poliamida ou nilon, e o polipropileno. Na actualidade pódense atopar cordas fabricadas con materiais de alta tecnoloxía cunha alta resistencia e durabilidade como son o Kevlar, Technora, Spectra, e Dyneema.

A forma de elaboración clásica era retorcendo tres ou máis febras, despois pasouse a tecelas e trenzalas. Os trenzados (kermantle) poden ser sinxelos ou complicarse como o trenzado de diamante empregado en algunhas cordas de trepa.

As cordas utilizadas en trepa (kermantle), constan dun núcleo ou ánima composta por fíos moi finos e dunha funda exterior ou camisa, que ademáis de protexer a ánima supón un tercio da resistencia da corda.

Se ben noutros tempos o diámetro mínimo das cordas de trepa era de 12’5 mm.hoxe en día estanse a empregar diámetros menores, de 11 e 10’5 mm. con camisas e ánimas formadas normalmente de 16 ou 32 feixes.

Para cordas de apeo pódense atopar diámetros moito maiores que poden ir dende os 12’5 mm. ata incluso 25 mm.

Algunhas cordas contan con ollos feitos de fábrica nun ou nos dous extremos, o que nos aforra facer nós como o as de guía para atarnos ó arnes.

Os cordellos ou cordinos teñen a mesma feitura que as cordas de trepa pero dun diámetro menor para un mellor agarre, e son moi cómodos aqueles que teñen os ollos feitos nos extremos.

Mosquetóns

Os mosquetóns son unha especie de aneis con formas variables según o modelo, cun mecanismo de apertura que permite enganchalo a cordas, aneis, etc. a modo de conectores, e tamén sirven a veces como aparatos de fricción. Con eles conectamos a corda de trepa ó arnés, e as eslingas ós aneis laterais, así como tamén se poden utilizar para facer salvacámbiums artesanais.

Os materiais dos que están feitos son aceiro e aluminio, e a súa morfoloxía varía dende os simétricos ata outros asimétricos, que desprazan o peso que soporta o mosquetón cara a zona máis resistente.Algúns exemplos deste tipo de mosquetóns son os de pera, de gancho, con ollo, etc.

Distínguense polo sistema de apertura en manuais, que usan unha rosca, e automáticos con maior ou menor complexidade, debéndose utilizar os de tres movementos sempre que nos encordemos, pois este sistema de apertura evita que se abran por accidente. Tamén hai mosquetóns porta ferramentas que non se deben usar como mosquetóns de seguridade.

Os clásicos maillóns, son uns mosquetóns cunha rosca máis difícil, de abrir que se usan máis nos casos en que non os hai que estar abrindo e pechando, como cando os utilizamos para fabricar un salvacámbium.

12

Serruchos

Ferramenta básica e indispensable para a poda. Con ela cortamos pólas e rematamos cortes feitos coa motoserra aproximando dito corte ata o punto no que a bisagra de madeira que deixamos no tronco ten o grosor axeitado para que poidamos empuxar a troza tirándoa de forma controlada.

Os serruchos máis empregados na actualidade son de tipo xaponés cos dentes afiados por tres caras e que non precisan afiado, tendo unha boa durabilidade. As follas poden ser curvas ou rectas, habendo modelos cun tope na punta, tamén hai serruchos de maiores dimensións para aqueles que non usan a motoserra.

O modo de emprego destes serruchos difire co dos serruchos de carpintería que cortan ó deslizar a folla cara adiante. En poda os serruchos cortan a madeira ó tirar cara atrás resultando moito máis cómodo, sobretodo cando nos atopamos nunha postura incómoda na árbore.

i6

Motoserras

Dende logo, para cortar pólas grosas e troncos non hai nada máis práctico que unha motoserra, e para usar na árbore o tipo de motoserra máis adecuado é o que se chama podadora, que ten unhas dimensións máis reducidas, cunha espada máis corta e a empuñadura colocada enriba do motor reducindo así a lonxitude total da máquina, sendo á súa vez máis lixeiras.

i7

 

As podadoras lévanse prendidas ó arnés cunha cinta elástica como seguro anticaída da ferramenta e un mosquetón que a fixa máis en curto cando non a estamos utilizando, para desprazarnos pola árbore.

i8

As motoserras máis modernas contan como dispositivos de seguridade con tres tipos de freo:

Freo de cadea, que se acciona cando a serra pega un rebote impactando a man esquerda contra o seguro.

Freo de inercia, que frea a máquina cando detecta un retroceso.

Freo da man dereita, como mecanismo de protección de accións involuntarias deixando de funcionar a serra cando se deixa de premer algún dos botóns. Algunhas motoserras deteñen a cadea ó elevar co pulso dereito unha panca de protección da empuñadura.

Cada vez que se faga un corte debemos frear a cadea e incluso apagar  a máquina para evitar o risco de cortes.

Para desrramar e cortar as toradas en terra ou talar un fuste dende a base pode ser moito máis práctico o uso de motoserras convencionais.

Fondiñas (hondillas)

Normalmente trátase dunhas bolsiñas cun recheo de boliñas de chumbo, que lles dá peso 250-450 grs., aínda que hai modelos macizos feitas de aceiro con revestimento exterior de caucho, e fondiñas de aluminio.

Estes saquiños utilízanse unidos a unha corda fina para colocar as cordas de trepa e os salvacámbiums ou salva ramas en pólas altas das árbores, podéndose lanzar de forma manual ou cun tirabalas, tamén chamado big shot.

i9

Salvacámbium, salva ramas, salva forcadas ou falsas forcadas

O salvacámbium é un utensilio co que se protexe a póla pola que pasamos a corda, ademáis de disminuir a fricción da corda. Normalmente consta dunha cincha e dous aneis, un máis grande que o outro, podendo pasar a fondiña polo interior dun deles pero non polo outro, o que facilita a súa colocación e retirada. A cincha normalmente é de poliamida (nilon) ou similar, pero tamén se poden confeccionar cunha corda ou un cintallo.

Os aneis están fabricados con aceiro ou aluminio, pero tamén se poden usar mosquetóns. O feito de utilizar mosquetóns posibilita enganchar unha micropolea nun deles, o que diminúe aínda máis a fricción.

A lonxitude do salvacámbium pode variar entre 40-100 cm. e tamén hai modelos regulables en lonxitude.

i10

Eslingas

Trátase dunha corda con mosquetóns nos extremos que se pode regular en lonxitude cun nó de fricción, normalmente provisto dunha micropolea para tensala cunha soa man. Os mosquetóns engánchanse nos aneis laterais do arnés tras pasar a corda ó redor do tronco ou dunha póla, permitindo asegurar ó podador.

Durante o ascenso utilízase combinada coa corda de trepa soltando unha e asegurando a outra mentras imos ascendendo apoiados nas pólas da árbore como se se tratara dunha escada. En ocasións resulta moi cómodo o uso de eslingas dobres.

Cando utilizamos unha motoserra deberíamos a chamada, eslinga armada, que conta cunha ánima de aceiro que a fai resistente a posibles cortes coa máquina, evitando a nosa caída ó cortarse a eslinga que nos ten asegurados á árbore.

Cando non estamos a usar a eslinga, facemos un nó daisy chain para reducir a súa lonxitude de forma que non estorbe os nosos movementos.

i11

Poleas ou roldanas

As micropoleas teñen distintas utilidades, destacando polo seu uso en eslingas e cordas de trepa, de modo que empuxan o nó de fricción utilizando unha soa man, facilitando moito os desprazamentos pola árbore.Tamén se usan como parte dos salvacámbiums e para baixar pólas ou toradas, ben sexa directamente ó chan cunha corda enganchada a un freo, ou para deslizar a troza por unha tirolina. No caso de trozas pesadas empréganse poleas ou roldanas de maior tamaño.

i12

Freos e aparellos de ascenso e descenso

Os nós de fricción están sendo sustituídos por aparellos de distintas formas e con mecanismos máis ou menos complexos. Algúns destes sirven tanto para o ascenso como para o descenso, consistindo en macanismos que traban a corda e a ceiban ó accionar unha panca ou botón. Algún exemplo destes aparellos son o grigri , spiderjack ou lockjack.

i13

 

Para o ascenso utiízanse bloqueadores como os chamados puños que poden ser simples ou dobres e outros como os shunt ou pico de pato, e os croll. Estes so sirven para o ascenso, tendo que empregar descendedores unha vez se chega á parte máis alta da árbore.

i14

 

Para o descenso utilizamos mecanismos autobloqueantes como o stop ou o clásico oito.

A diferencia do oito utilizado en trepa respecto ó de escalada é que conta cunha especie de orellas que dificultan que a corda escape unha vez freada. O oito non só sirve como descensor, senón que se pode utilizar como freo para o descenso de persoas en rescates, ou trozas dende o alto da árbore.

i15

Para toradas de moito peso existen outros freos de maior resistencia controlados por un operario dende terra.

i16

Esporas

Empregadas para o ascenso por troncos que van a ser talados, pois o seu uso causa feridas que danarían ás árbores que fosen a permanecer.

As esporas teñen uns espolóns que se espetan no tronco e combinados cunha eslinga nos permite subir ou baixar.

A separación dos pes non debe ser superior ó ancho dos hombros, e a eslinga non debería quedar máis alta que estes ni máis baixa da cintura. O corpo manterá unha inclinación duns 45º aproximadamente para manter ben o equilibrio.

i17

Sacos

Para gardar todo este material existen no mercado sacos ou bolsas especiais con puntos de enganche para levar colgando por fora utensilios como o casco ou o serrucho, metendo dentro as cordas e o arnés, pero utiízanse dende caldeiros ata maletas ou lonas que se pregan unha vez pousado dentro o material.

i18