Top

Ascenso con aparellos

Ascenso con valdotain e polea de tres buratos

Colocamos a polea na corda de trepa e cun mosquetón enganchamos o extremo da corda no burato superior da micropolea.

Facemos un nó de fricción e o enganchamos con outro mosquetón ó burato inferior da polea. Este mosquetón é co que conectamos a corda de trepa ó noso arnés.

Con este sistema, a polea non se move e permanece na vertical da corda.

 

 

 

 


Ascenso con puño simple

Este puño está ideado para facilitar o ascenso máis que como ascendedor propiamente dito.

Está equipado cun estribo para o pé, de modo que nos podemos apoiar nel, erguendo o corpo, o que libera a tensión do cordello ou cordino, podendo empuxar o nó de fricción cara arriba e así poder avanzar.

Unha vez que empuxamos o nó de fricción cara arriba, quedamos suspendidos polo arnés e deslizamos o puño cara arriba quedándonos a perna encollida, de forma que volvamos a repetir a operación erguendo o corpo.

 

 

 


Ascenso con puño dobre e descenso con oito

Unha vez pasada a corda por unha póla, sen empregar salvacámbium, facemos un nó de bolboreta alpina no anaco de corda da dereita e pasamos a parte esquerda da corda de trepa pola gaza do nó de bolboreta. Tirando da corda esquerda, izamos o nó de bolboreta quedando trabada a corda de trepa na póla pola que se pasóu inicialmente.

Conectamos un puño dobre na corda de trepa dobre, colocandolle un pequeno mosquetón como seguro para evitar unha apertura accidental do dispositivo.

Conectamos o puño dobre ó arnés cun mosquetón e xa podemos ascender axudándonos da presa de pé.

Unha vez realizamos o noso traballo na copa da árbore, non nos podemos servir do puño para baixar, pois é exclusivamente ascendedor. Por este motivo empregaremos un oito, facendo unha gaza que pasa polo interior do anel grande e rodea o anel pequeno.

A forma de conectarnos ó oito é por medio dun mosquetón que vai enganchado ó anel pequeno do oito e ó arnés.

Para bloquear o mecanismo e non caer mentras adoptamos unha posición adecuada, pasamos a corda que colga entre o metal do anel grande e a corda da que pendura o oito.

Cando queiramos baixar, tiraremos da parte da corda, que está trabada a modo de freo, coa man dereita e de seguido a colocamos xunto á nosa cadeira dereita. É importante a colocación da man dereita nesta posición porque é a que nos permite frear o descenso.

No caso de soltar a corda precipitariamonos ó valeiro.


Trepa con esporas

Se cando colocamos as esporas, non temos calzado con tacón para asegurarnos ben ó estribo, daremos unha volta, en sentido descendente, coa correa baixa, a redor do mango das esporas.

Apretaremos ben tódalas fibelas de forma que as esporas queden ben axustadas á perna.

Para trepar con esporas precisamos dunha eslinga que rodea o tronco uníndonos a este.

Comezamos espetando os espolóns no tronco cunha separación dos pés que non supere o ancho dos hombros. Erguémonos sobre as nosas pernas, que manteremos lixeiramente flexionadas, e respaldámonos coa axuda da eslinga, mantendo unha inclinación duns 45º aproximadamente.

Subimos espetando os espolóns no tronco con pasos cortos ata que controlemos a técnica e podamos dar pasos máis longos. Tras cada paso, botamos o corpo cara adiante pegándonos ó tronco, momento que aproveitamos para elevar a eslinga, tendo coidado de que esta non quede a unha altura por riba dos hombros nin por debaixo da cadeira.

Para librar as distintas pólas que atopemos polo camiño, podemos empregar unha eslinga dobre, alternando eslingas, ou combinando a eslinga coa corda de trepa.

Debemos coidar de que non nos queden as máns presas entre o tronco e a eslinga, aconsellando o uso de luvas.

Para maior seguridade, aconséllase colocar unha corda de trepa coa que asegurarnos en caso de esvarar ou sufrir calquera outro percance. 


Ascenso con spider jack

Este aparato funciona de forma semellante a un valdotain con polea, bloqueando a corda cando está sometido a unha carga, e ceibándoa cando non está sometida a tensión.

Para o descenso, basta con accionar unha panca que libera a corda, e para controlar o descenso, conta cun freo, podendo controlar a panca de descenso e o freo cunha soa man.