Neste apartado amosamos algunhas das principais accións que se desenvolven en terra, o mor delas para a instalación da corda de trepa, e tamén para frear as pólas e toradas que imos apeando durante as podas e talas.
Colocación de corda sen fondiña 1
Antes de que se empregase a fondiña como método de instalación da corda de trepa, facíase un nó de lanzar coa propia corda de trepa.
O método consiste en facer unha madexa no extremo da corda, que se envolve facendo unha gaza na última volta que traba o conxunto da madexa impedindo que esta se desfaga. Esta madexa proporciona peso ó extremo da corda permitíndonos o lanzamento da corda de trepa.
Colocación de corda sen fondiña 2 con nó que se desfai
Este método é igual que o anterior, coa diferencia de que a madexa de corda se desfai por si soa despois do lanzamento. Para elo, en vez de trabar a madexa coa gaza feita na última volta, a pasamos polo interior dun dos ocos da madexa, facendo unha asa, e facemos outra asa co resto da corda de trepa. Lanzamos a madexa agarrándoa polas asas, e ó caer, como non hai nada que a trabe, esta desfaise.
Usaremos este método cando esteamos seguros de que imos acertar co lanzamento ou cando haxa perigo de que a corda quede enganchada nas pólas ó intentar recuperala tras un lanzamento fallido.
Lanzamento de fondiña 1
Unha vez atada a fondiña cun nó fácil de desfacer, como o que nós chamamos de fondiña ou calquera outro que se preste a elo como o oito, collemos o cordello cunha man e imprimímoslle un movemento pendular á bolsiña, soltando o cordello cando a fondiña estéa apuntando ó obxetivo.
Lanzamento de fondiña 2
Dobrando o cordello e pasándoo polo anel da fondiña, facemos algo así como dúas asas coas que soster a fondiña. Abrindo un pouco as pernas, facemos bascular o saquetiño entre elas e soltamos cando estéa ben dirixido cara o obxetivo. A este tipo de lanzamento tamén se lle chama lanzamento de berce.
Lanzamento de fondiña cara atrás
A técnica é igual que o lanzamento de berce pero lanzando a fondiña cara atrás pasando por riba da nosa cabeza.
Lanzamento de fondiña con tirabalas- big shot
Cando temos que colocar a corda a grandes alturas e nos é difícil lanzar a fondiña tan alto cos métodos manuais, axudámonos dun tirabalas, tamén chamado big-shot.
Colocaremos a fondiña no receptáculo do tirabalas de modo que este quede cara adiante, nos agachamos aproveitando o peso do corpo para tensar a goma do tirador, e cando teñamos apuntado ó obxetivo soltamos.
Colocación e recuperación de salvacámbium método 1
Tras o lanzamento previo da fondiña, pásase esta polo anel pequeno do salvacámbium, e a corda de trepa polo anel grande. Suxeitando a corda de trepa izamos o salvacámbium tirando polo cordello da fondiña.
Deixamos caer a fondiña e a desatamos, atando a corda de trepa ó cordello cun ballestrinque e varios nós de aferrar, que son como medios ballestrinques, procurando que o último nó quede ben na punta para facilitar o direccionamento da corda a través do anel pequeno. Desta forma a corda de trepa xa quedaría instalada no salvacámbium.
Para recuperar o salvacámbium, temos que facer un nó na corda de trepa para que ó tirar por ela chegue ata os aneis e pase polo anel grande pero non polo pequeno, liberando o grande e tirando polo pequeno ata que a corda chega ata nós.
Como o extremo corto da corda está no lado esquerdo, e o anel pequeno tamén nos quedou nese lado, temos que pasar toda a corda do lado dereito para o esquerdo, ata que o nó feito no extremo do lado dereito da corda faga tope no anel pequeno.
Sempre debemos atar o cordello da fondiña á corda para poder recuperala en caso de que xurdise algún problema. Un exemplo diso sería que o nó fose demasiado grande como para pasar polo anel grande quedándonos a corda arriba. Se temos atada a corda co cordello, podemos tirar del e recuperar a corda, facendo despois un nó máis pequeno que nos permita recuperar o salvacámbium.
Colocación e recuperación de salvacámbium método 1 mellorado cun mosquetón
O sistema é exactamente igual ó anterior coa única diferencia de que para izar o salvacámbium, pasamos a fondiña polo anel grande. Para que non se nos coe a fondiña polo anel enganchámoslle un mosquetón. Deste modo o anel pequeño queda no lado dereito, aforrándonos ter que pasar toda a corda do lado dereito para o esquerdo para recuperar o salvacámbium.
Colocación e recuperación de salvacámbium método 2
Pásase o cordello polo anel grande, átase a fondiña e lánzase. Unha vez pasado o cordello pola póla, desátase a fondiña e pásase o cordello polo anel pequeno, volvendo a atar a fondiña. Así colocada, só temos que tirar do codello izando o salvacámbium, que queda instalado na póla da árbore.
Atamos a corda de trepa co cordello da fondiña e o facemos pasar polos aneis do salvacámbium, quedando instalada a corda de trepa.
Con este método, o anel pequeno queda no lado dereito aforrándonos pasar toda a corda e sen ter que usar un mosquetón.
A recuperación da corda é igual que no método 1 mellorado.
Colocación de falso salvacámbium anclado á base do tronco e ascenso con prussik
Tendo pasada unha corda por unha póla, conectamos unha micropolea ó extremo da corda por medio dun mosquetón, pasando por ela unha segunda corda de trepa.
Tirando da primeira corda e suxeitando o extremo corto da segunda, elevamos a micropoea ata que chega ó alto. Desta forma a micropolea fai as veces de salvacámbium.
A continuación aseguramos a primeira corda cunha ancoraxe á base do tronco das que se empregan para o ascenso por unha corda simple.
Unha vez asegurada a corda xa podemos trepar, neste caso cun sistema de cola dividida empregando un Prussik.
Ancoraxe á base do tronco para ascenso por corda simple método 1
Atamos o extremo dunha corda a un anel metálico por medio dun nó corredizo ou calquera outro ó efecto.
Rodeamos o tronco da árbore e pasamos o extremo da corda polo anel pechándose a corda a redor do tronco,facendo un oito dobre coa corda que sobresae.
Tendo previamente instalada unha corda de trepa, colocámoslle un oito dos empregados en escalada. Este oito é o que vai a soportar toda a carga da corda.
Cun mosquetón conectamos a corda de trepa coa corda que rodea o tronco da árbore.
Freamos o oito, e como sistema de seguridade, por se este fallase, facemos un ballestrinque tras pasar a corda polo mosquetón enganchado no oito. Ademáis, con outro mosquetón nos aseguramos de que o ballestrinque non se desfaga ó enganchalo á corda de trepa na parte superior do oito.
Todo este conxunto de operacións realízanse por seguridade, e de non haber problemas, os nós non están sometidos a ningunha tensión, podéndose desfacer facilmente, lembrando que é o oito o que soporta toda carga.
Ancoraxe á base do tronco para ascenso por corda simple método 2
Pasamos unha corda, non moi longa, por dentro dun anel metálico pequeno e dous grandes ata a metade, e dobramos a corda quedando unha corda dobre. Rodeamos o tronco coa corda e a pasamos por dentro dos aneis grandes, pechándose a corda a redor da base da árbore.
Coa corda sobrante facemos un nó (neste caso un oito dobre) cun grosor que non o permita pasar a través dos aneis, e para maior seguridade, enganchámoslle un mosquetón, de forma que aínda que o nó fallase, o mosquetón non permitiría escapar a corda.
A un lado dos aneis atamos un cordello á corda empregando un prussik, con el uniremos a corda de trepa coa ancoraxe do tronco.
Colocamos un oito pequeno tipo escalada na corda de trepa e o unimos ó cordello cun mosquetón.
No anel pequeno colocamos un mosquetón de gancho con ollo unido a un cordello co que facemos un blake na corda de trepa. Deste modo, en caso de que fallase o oito, quedariamos suxeitos polo cordello que une cun blake a corda de trepa co anel pequeno.
Ó igual que no caso anterior, o oito é o que soporta toda a carga, sendo doado desfacer os nós de seguridade por non estar baixo tensión.
Montaxe de freo e corda de apeo
Rodeamos o tronco cunha forcadura facendo unha volta de braza ou leñador. No ollo da corda colocamos un mosquetón co que a unimos ó freo de tubo.
Facemos unha pequena gaza coa corda de apeo e a pasamos a través do oco pequeno do freo, enganchando a gaza na parte posterior do tubo.
Coa corda que queda libre dámoslle voltas (con tres normalmente abonda) a redor do tubo como se o envolvésemos.
Para asegurar o freo facemos uns bucles que enganchamos nas barriñas que sobresaen nos laterais do tubo. Cando queiramos baixar unha carga debemos soltar a corda destes saíntes e poco a pouco ir soltando corda para que a carga descenda.